Axudas a traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as.

Publicadas as bases das axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as .- As persoas solicitantes deberán terse acollido á redución entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014

O Departamento de Servizo Sociais do Concello informa  da convocatoria das axudas económicas para os traballadores e as familias monoparentais que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado do seu/da súa fillo/a.

Normativa: Resolución do 22 de decembro de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.(DOG nº 9 do 15/01/2015)

Tamén poderán acollerse a esta axuda os traballadores que, cumprindo os requisitos establecidos, adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Neste suposto, non se terá en conta a data de nacemento, pero para ter dereito á axuda non deberán transcorrer máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou  da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. O/a fillo/a polo/a que se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

No caso das familias non monoparentais, serán subvencionables todos os períodos traballados durante o ano, co límite máximo de oito meses, sempre que un dos períodos sexa dun mínimo de 60 días naturais ininterrompidos, aínda que o resto sexan inferiores aos 60 días, e sempre que a muller traballe de xeito continuado ou que o tempo non traballado non supere o 5 % do tempo total correspondente aos períodos que se van acumular. Nestes casos, cando haxa dous ou máis períodos subvencionables que non sexan acumulables, concederase a axuda por aquel que sexa o máis favorable para o interesado.

Prazo de presentación:Ata o 20 de febreiro de 2015. MÁIS INFORMACION NO DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO. 982 592001

No caso das familias monoparentais, serán acumulables todos os períodos traballados durante o ano, co límite máximo de oito meses, sempre que un dos períodos sexa dun mínimo de 60 días naturais ininterrompidos, aínda que o resto sexan inferiores aos 60 días.

Compatibilidade.- Estas axudas son compatibles con calquera outra que, co mesmo obxecto, teñan establecidas ou poida establecer calquera das administracións públicas, dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades, así como por calquera entidade privada.En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella. De producirse este suposto, o período coincidente non se terá en conta no cómputo do período subvencionable.

Persoas beneficiarias.- Homes que se acollan á redución de xornada a que se alude no artigo 5 desta resolución e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario e os socios das sociedades cooperativas sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.

Familias monoparentais nas que a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada. Por familia monoparental enténdese,  o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.

En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos/as, ou se a tutela ou garda fose asumida por unha institución pública.

Requisitos: Estar inscritos no padrón de calquera municipio de Galicia, polo menos cun ano de antelación á data da solicitude.Convivir co/a fillo/a durante o período subvencionado.No caso das familias non monoparentais, o outro membro da unidade familiar deberá ser traballador/a por conta allea ou ben autónomo/a e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, habendo períodos non traballados, a suma destes non supere o 5% do período subvencionado.

Contías máximas e duración das axudas:

A contía da axuda, de pagamento único, estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como máximo de 8 meses:

Contía segundo poncentaxe de redución de xornada laboral (8 meses)

Fillos/as a cargo

Ata 15%

Superior ao 15% e ata o 33,33%

Superior ao 33,33%

1

1.600 euros

2.700 euros

3.000 euros

2

1.900 euros

3.000 euros

3.300 euros

3 ou máis

2.200 euros

3.300 euros

3.600 euros

Axuda poderá concederse por unha redución de xornada dun máximo de 8 meses ininterrompidos e un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos.
Cando a redución de xornada se solicite por un período inferior aos 8 meses ou no caso de que a persoa non estea contratada a xornada completa, as contías reduciranse proporcionalmente.

Para o cálculo da contía teranse en conta únicamente as fillas e fillos menores de 12 anos, agás no caso daquel polo que se solicita redución de xornada.

Documentación: Solicitude e anexos (pdf) | Presentación electrónica na sede

Para o caso de non autorizar a Secretaría Xeral da Igualdade a obter os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, fotocopia compulsada do DNI ou NIE da persoa solicitante.

Prazo de presentación:Ata o 20 de febreiro de 2015.